domingo, 28 de septiembre de 2014

Referendo en Cataluña

Segundo o artigo 137 da Constitución española de 1978, o Estado español se organiza territorialmente en municipios, provincias e Comunidades Autónomas. Unha delas é a Cataluña.
O presidente da Generalitat, Artur Mas, asinou o pasado sábado 27 de setembro, o decreto de convocatoria da consulta de autodeterminación de Cataluña. O referendo para coñecer a opinión da cidadanía catalá sobre o seu futuro político e a súa relación con España terá lugar o próximo 9 de novembro. A sinatura do decreto realizouse en presenza dos representantes dos grupos políticos que apoian este proceso.
O presidente da Generalitat no seu discurso salientou que “existe unha maioría social e consenso político, que recoñece a Cataluña como nación e unidade política na diversidade ideolóxica, que serviu para pactar a data, pregunta e os marcos legais necesarios”.
A convocatoria do referendo faise de acordo coa lei de consultas aprobada polo parlamento catalán.
Está previsto que en breve o goberno central impugne esta consulta no Tribunal Constitucional, facendo así que sexa anulada, amparándose no título preliminar da constitución, no que se recolle que a soberanía nacional reside no pobo español.
Se o executivo de Artur Mas levase todo este proceso ata o final, o goberno español, de acordo co artigo 155 do título VIII (organización territorial do Estado), podería adoptar as medidas necesarias para obrigar a Cataluña ao cumprimento forzoso das leis vixentes en todo o Estado, e facer cumprir as obrigas que a Constitución ou outras leis impoñan. Incluso, isto podería levar á suspensión da autonomía catalá.
Luzía Pardo Abuín
Fonte: elpais.com  (27.09.2014)


domingo, 21 de septiembre de 2014

Benvida ao curso 2014/2015


Benvida, benvido á materia de Xeografía correspondente ao curso 2014/2015.
Este blogue comezou a camiñar hai xa uns anos, co alumnado do IES de Arzúa. Quizais sexa do teu interese o que fixeron as alumnas e os alumnos que te precederon.
Espero que sexa do teu interese a información que empezará a aparecer aquí a partir de agora. É un blog feito para ti; espero que tamén estea feito por ti porque está aberto a túa colaboración.
Casualmente, a derradeira entrada do blog no 2012/2013 (ao ano seguinte non estivo activo) está relacionada co tema co que inauguramos o novo curso. A semana pasada tivo lugar un referendo en Escocia no que a cidadania do país decidiu permanecer dentro do Reino Unido. En Cataluña preséntase, dende hai xa moitos anos, un problema semellante pois a Generalitat pretende convocar unha consulta para que a cidadanía decida se quere ou non pertencer a España.
Que ten que ver esta cuestión co temario de Xeografía? Pois ten que ver. Estudaremos xa co curso avanzado un tema dedicado á organización político-administrativa de España e outro relacionado coa Unión Europea. Ideas como soberanía, centralismo, autonomía, federalismo… planean sobre o referendo escocés e sobre a cuestión catalana.


E para rematar esta primeira entrada unha canción: En 1990 a banda británica The Waterboys publicou o seu quinto disco, Room to roam, que incluía o tema “Isleman”. Esta é a súa letra: 

Of my body England is the spine
The backbone and the trunk
My shoulders span the mighty Tyne
London sprawls across my rump

Cornwall my crooked ancient leg
Wales two hands held apart
Scotland is my dreaming head
Ireland is my heart

Que cres que transmite respecto á existencia de Gran Bretaña?