jueves, 7 de abril de 2016

Visita ao Parlamento de Galicia


Departamento de Xeografía, Historia e Ciencias Sociais organizaou unha visita ao Parlamento de Galicia o pasado 16 de marzo. Participou alumnado de Historia do Mundo Contemporáneo, de 1º Bach B, e de Xeografía, de 2º Bach B, que coñeceu de primeira man o funcioamento da institución e tivo a oportunidade de asistir a unha sesión de control do goberno galego.
Un alumno de 1º de Bach, Pedro Rial, e Gloria Martínez, de 2º de Bach redactaron senllas crónicas da visita. Agradecémoslles a súa participación.
O escrito de Gloria Martínez, de 2º de Bacharelato di así:
"O mércores 16 de marzo deste 2016, os alumnos e alumnas de 1º e 2º de bacharelato, tivemos unha interesante saída para visitar o Parlamento de Galicia.
O Parlamento é un órgano institucional composto polos representantes elixidos polo pobo que ten atribuída a misión de expresar a vontade dos propios cidadáns e cidadás, elaborando e aprobando normas xurídicas de carácter xeral e intervindo así na integración e funcionamento doutras institucións do Estado.
O que nós fixemos foi unha visita guiada polo Parlamento na que nos ensinaron as distintas salas coa correspondente utilidade. O primeiro que vimos foi a de recepcións onde estaban distribuídos diferentes cadros dos altos cargos como son os da Familia Real.
Nese mesmo espazo, cara o fondo, tivemos a oportunidade de ver nun taboleiro gráfico os diferentes grupos parlamentarios cos seus componentes, así como a súa colocación no Hemiciclo: Partido Popular, Partido Socialista, Bloque Nacionalista Galego, Alternativa Galega e Grupo Mixto.
Despois de ver un vídeo de iniciación a todo o que se facía no Parlamento, asistimos a unha sesión no Hemiciclo onde aos distintos partidos parlamentarios se lles abría unha quenda de preguntas ao presidente Feijoó e ao seu partido.
Foi unha sesión moi entretida onde puidemos ver o funcionamento. Tivemos a oportunidade de ver de preto como se xestionan os temas, o tempo e incluso as críticas. O presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices Vieira, era quen xestionaba o tempo e a calma entre os partidos,.
Foron moitos temas os que se abordaron. Todos referidos aos plans que foi aprobando o Partido Popular ao longo da lexislatura, así como duras críticas á súa xestión.
Os temas máis interesantes que para min se abriron a debate entre nós foron os referidos ao hospital de Álvaro Cunqueiro, tan mencionado polas súas carencias en moitos aspectos. Tamén a corrupción foi a arma que empregaron para dirixirse a Feijóo, posto que o seu partido en España ten moitos casos e a maioría sen cerrar.
En definitiva, foi unha quenda de preguntas (moitas quedaron no aire) que fixeron da visita un momento emocionante, distinto e entretido e que nos permitiron coñecer un pouco máis da política e das institucións que nos rodean.
Logo tivemos a oportunidade de acudir á Biblioteca do Parlamento, onde todos os libros son de tema político e aos asuntos que competen nesta institución.
Finalmente rematamos a visita nunha sala previa que cada partido ten asinada, onde preparan a sesión e poñen os puntos sobre a mesa para poñerse de acordo. Tivemos un pequeno debate sobre a nosa apreciación da sesión e finalizamos a visita".

Pola súa banda, Pedro Rial, de 1º de Bacharelato reflexiona:
"Na última saída que fixemos tivemos a posibilidade de asistir a unha sesión de control no Parlamento de Galicia. Desta visita saíu un debate sobre a eficiencia das sesións de control. Para que serven? Son realmente efectivas? Que intentan arranxar?
Estas son preguntas que na miña opinión todo o mundo debería facerse, non só no ámbito das sesións de control ou no tema político, senón con todo o que nos atopamos no día a día. Deberiamos facernos a pregunta de: Está isto ben, pode haber outra forma de facer as cousas?
Vese claramente que hoxe en día damos todo por sentado, pensamos que todo está meditado e feito correctamente ou da mellor forma posible. Eu creo que fomos ao Parlamento para que nos ensinasen o ben que está montado o noso sistema, que non nos temos que preocupar xa que temos o mellor posible ou o máis democrático, cousas que di a mesma xente á que se lle enche a boca coa palabra democracia e transición. Se ben é certo que houbo unha melloría no sistema político en comparación con 50 anos atrás non podemos dar por rematado o traballo, aínda queda moito por facer.
Con este enfoque é co que eu participei nese debate das sesións de control. O noso guía, que era a outra voz nese debate, sostiña a idea da necesidade desas sesións, nas que os partidos políticos da oposición interrogan ao presidente co fin de supervisar as accións do goberno. A pregunta que surxe aquí é: realmente existe un control? Levamos uns anos vendo como as maiorías absolutas fan o que queren sen ningunha limitación e menos unha que proveña desas sesións; vemos como un partido político con maioría absoluta pode facer o que queira sen necesidade de responder ante os votantes que lle deron o poder, a revisión ou comprobación desas accións queda relegada entón a unha soa votación cada catro anos, ao meu parecer insuficiente. Hai moitos exemplos de maiorías absolutas que tomaron medidas que non contentaron á maior parte da poboación ou á maioría do sector ao que afectaban, un exemplo sería a LOMCE. Con isto presente, que control hai? Serven para algo as sesións de control? E máis importante, o pobo, do que emana o poder, ten a posibilidade de opinar?
A resposta a estas preguntas é non.
Como dixemos anteriormente, existen moitos erros nun sistema que nos presentan como o mellor, ou polo menos o menos malo. É realmente así? Non sería mellor un sistema no que independentemente dos partidos ou maiorías electorais, se lle preguntase ao pobo nos asuntos máis importantes? As sesións de control intentan arranxar os deficiencias das democracias representativas pero, como vemos, inténtao sen éxito. Cambiar totalmente o sistema que temos hoxe suporía dar un paso cara a democracia participativa na que sexa a xente a que decida e non uns señores ou señoras que son elixidos cada catro anos e que durante o seu mandato non son sometidos a ningún control. Esta xa é tarefa da nosa xeración, que mirando atrás ve como moita xente deu a súa vida para que nos tivesemos a mellor vida posible e para agradecelo o mínimo que podemos facer é tomar o relevo e continuar cambiando o mundo".



No hay comentarios:

Publicar un comentario