"Ola a todos, chámome Aloia Johnson, son unha rapaza galega, aínda que como veriades polo meu apelido, teño parte inglesa, por meu pai. Miña nai é nativa de aquí, de Galiza, vivín uns cantos anos en Phoenix de onde eu son, pero sempre me chamou esa selva verde, encantada e misteriosa que describía miña nai.
Galiza era o país dos mil
ríos segundo dicía, e eu preguntábame, como pode ter 1000 ríos, e
ademais terra para os seus habitantes, un sitio tan pequerecho. Pero
cando cumprín os 11 anos, vin a Galiza, e a venda caeume dos ollos,
decatándome do parva que fora ao non entendelo. Tan pronto como vin
Galiza namoreime dela, todo verde, todo con vida, os animaliños
cantando, o son do vento nas copas das árbores, o fluír da auga, a
súa maxestuosidade. Por iso con 19 anos presenteime como voluntaria
do grupo Adega, unha organización que trata de que o medio ambiente
permaneza limpo.
Agora que pasaron xa 6
anos, e sigo vendo o pouco respecto que algunhas persoas propias de
aquí teñen pola súa propia terra, decidimos crear un proxecto que
faga que Galiza se siga chamando o país dos mil ríos; é o
"Proxecto Ríos", nel tentamos solucionar os problemas
destes, e concienciar a cidadanía de protexelos e coidalos. Pasou
pouco tempo dende que comezamos con este proxecto, pero xa temos
arredor de 3500 persoas, onde pode participar calquera que axude a
mellorar o medio.
Agora teño 24 anos e
preocúpame o exceso do malgasto da auga, utilizamos un 80% na
agricultura, un 95 na industria e un 12% no fogar, non sabemos
aforrar ese recurso limitado global que nos deu a natureza, e que non
todas as persoas poden disfrutar. O que pagamos pola auga varía
segundo a zona onde vivamos. Aquí temos sorte de seguir téndoa,
pero en África teñen que andar km. para poder conseguir unha pouca
e, non sempre, en bo estado.
Por iso debemos aforrar
auga no fogar, pechando o grifo mentres lavamos, regando con auga
usada e en horas de pouca calor, para evitar a evaporación desta,
cando lavamos os dentes ou non tirando nada sólido polo retrete.
Todo isto polo alto custo de depurala e, principalmente, para manter
este recurso e non permitir que se esgote.
A pesar de que a Terra
está constituída nas suas 3/4 partes por auga, a maior parte non é
apta para o consumo humano, antes hai que depurala e desalinizala. Os
lugares onde hai auga de maior cantidade a menor son os mares e os
océanos, sendo o meu preferido o atlántico, xa que é o que baña a
miña terra; a continuación veñen os polos, a auga xeada, un lugar
ao que aínda non fun, e ao que espero poder viaxar antes do seu
desxeo; a auga subterránea, que custa moito extraela; os nosos
queridos ríos e lagoas, dos cales disfrutamos, abusamos e usamos,
sen coidalos e finalmente as nubes, toda esa auga evaporizada e
condensada na atmosfera, que cae en forma de choiva, neve, sarabia,
etc. algo do que os nenos e os que non somos tan nenos difrutamos.
Vouvos explicar que
facemos no "Proxecto Ríos" por se algún lle apetece
unirse. Un río é unha corrente de auga continua como ben saberedes,
pero non só iso, a el tamén pertencen as pedras, a area, a fauna e
os animas. Os voluntarios e as voluntarias coma min, facemos o
chamado "adopción de río", eu levo 2 meses co meu treito
de 500m., o cal teño que coidar e facerlle 2 inspeccións anuais
para saber a súa saúde, vamos como un fillo, o meu fillo, aquel que
eu aínda non teño; pero estou tan namorada da natureza, que vou
cada fin de semana a visitalo, soa ou de vez en cando levo algún
amigo para que o coñeza e vexa o que facemos, así logrei convencer
a uns cantos para que se sumasen.
Nestas inspeccións dannos
unhas carpetiñas cun manual para cubrir, e unhas follas de fauna e
flora de cada territorio. Nos utilizamos os macroinvertebrados para
saber a calidade dos ríos, están agrupados por escala de
supervivencia, dende os azuis que son os máis fráxiles, que morren
con calquera cambio, pasando polos verdes, os amarelos, os laranxas e
finalmente os vermellos, aqueles que se adaptan a calquera medio, e
que teñen hemoglobina, por iso resisten máis.
Por se non sabedes o que é
a hemoglobina, vóuvolo explicar; é unha proteína da sangue, que se
encarga de transportar o osíxeno dos pulmóns a todo o corpo. Nos
tamén a temos, por iso nos adaptamos mais ou menos a case calquera
entorno. Aínda que eu non, sempre que me colle o frío, acabo
acatarrada, asique estaría entre os verdes ou os amarelos, porque
aos azuis non pertencería xa que tan fráxil como para morrer,
tampouco.
Tamén estudamos o bosque
de ribeira, que fai como unha barreira anticontaminante, que lle
proporciona aos ríos materia orgánica e sombra ao cauce para que a
auga regule a temperatura, entre outras cousas, algo así como unha
nai, aquela que me axuda a coidar do meu meniño. Estudamos as
alteracións, como é o caso das especies invasoras como "a
tartaruga de Florida", "a ostra asiática" ou "o
cangrexo americano" e das especies alóctonas, que se poden
chegar a converter nas anteriores.
Asi que xa sabedes
naturalistas, se vos apetece, collede unhas botas, un saco e camiñade
acompañados da natureza e de descoñecidos, co único propósito de
lograr un mundo mellor para as xeracións futuras, para nos mesmos,
para disfrutar dese mundo máxico e marabilloso que é Galiza, dos
seus bosques e ríos e, sobretodo, para coidar dese recurso limitado
que é a auga, porque amiguiño, nos tamén somos auga".
No hay comentarios:
Publicar un comentario